BARRIONOVO CANTA EN GALEGO

luns, 12 de maio de 2025

POESÍA EXPRESS: LETRAS GALEGAS

Iniciamos a semana das Letras Galegas cunha poesía express extraída do libro "Caderno de fume" de Antonio Teijeiro e Leandro Lamas relacionada coas verbas na nosa lingua.

            

Palabras como: muller, bolboretas, vasoira ou culler foron as elixidas polo alumnado da aula rosa para representala.

INICIAMOS A SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

 Esta semana na biblioBN estamos inmersos no mundo da tradición popular oral galega. Contamos con diversos elementos empregados antiguamente en Galicia para facer música (cunchas, lata de pimentón tixola de ferro...) e un mapa de Galicia no que estamos ubicando os lugares de onde procedían as homenaxeadas no Día das Letras Galegas deste ano 2025.

Tamén puidemos comprobar como empregaban estes obxectos para facer música e os diferentes momentos nos que o realizaban: facendo o xantar, lavando no río, na matanza do porco... e escoitamos algunhas desas coplas na voz da mestra de música.

Nunha desas coplas, a mestra Lara contou coa axuda dunha pequena pandereteira da aula laranxa. 

Para rematar, empregamos algúns recursos do Seminario Galán para identificar os instrumentos que utilizaban as cantareiras e debuxar outros dos que acababamos de coñecer.

venres, 2 de maio de 2025

MES DAS LETRAS GALEGAS NA BIBLIOBN

Durante o mes de maio, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega invita ás familias a ler un conto na nosa BiblioBN coa condición de que esta lectura sexa EN GALEGO.

Só tedes que falar coas mestras, fixar data e hora e elas axudaránvos a escoller un libro da nosa biblio.

Animádevos a participar!



mércores, 30 de abril de 2025

CERÁMICA DE SARGADELOS

Durante todo o mes de abril para conmemorar o Día das Artes Galegas e, mais concretamente a figura de Isaac Díaz Pardo, levamos a cabo no espazo fedelleiro un obradoiro de cerámica de Sargadelos.

Empregando masa de modelar creamos os nosos propios pratiños aos que despois lles estampamos con tinta diferentes motivos propios das vaixelas de Sargadelos.


martes, 8 de abril de 2025

OBSERVACIÓN DE ABELLA AO MICROSCOPIO

 Os nenos e nenas da aula laranxa estiveron esta semana experimentando co microscopio grazas á aportación dunha abella por parte dunha familia.