luns, 29 de abril de 2019

SAÍDA MONTICAÑO

O venres levamos a cabo tarefas de reforestación no parque do Monticaño. Cada aula tivo a oportunidade de plantar unha especie autóctona diferente: carballo, castiñeiro e freixo.
Agora sodes as familias as encargadas de continuar con estas actividades de reforestación empregando o loureiro e o pradairo que os nenos e nenas levaron para casa.

xoves, 25 de abril de 2019

ENCONTRO: REFORESTACIÓN

Hoxe en Barrionovo tivo lugar unha visita moi especial. Dentro do noso proxecto #somosdemonte, contamos coa presenza de Armando que nos veu falar da importancia do coidado dos nosos montes para evitar os perigos dos incendios. Con el aprendemos os accesorios que precisan os bombeiros forestais para protexerse cando están facendo o seu traballo, así como a importancia de levar a cabo tarefas de reforestación para recuperar os montes queimados.
Para finalizar o encontro, Armando escolleu o conto "A pequena árbore" de Ánxeles Ferrer publicado pola editorial Xerais.


E como colofón a esta actividade, cada neno e nena puido levar para casa unha das arboriñas (loureiros, pradairos e carballos) que nos trouxo o noso convidado especial para poder levar a cabo accións de reforestación coas súas familias.



Pasamos un rato moi divertido e aprendemos un montón de cousas. Moitísimas grazas por todo!

luns, 1 de abril de 2019

DÍA DAS ARTES GALEGAS: LUIS SEOANE

Para conmemorar o Día das Artes Galegas e homenaxear a Luis Seoane, a mestra María creou unha fermosa historia con algunhas das obras deste artista. 


Cunha música relaxante de fondo e empregando a técnica xaponesa do kamishibai, María relatounos un conto ambientado nunha fraga galega no que aparecían moitas cousas das aprendidas co noso proxecto #somosdemonte (raposos, xabaríns, porco teixos, incendios forestais...)


Unha vez rematada a lectura do conto, acordamos repartirnos as láminas de Seoane por aulas para crear as nosas propias historias.


CALENDARIO ABRIL