BARRIONOVO CANTA EN GALEGO

Amosando publicacións coa etiqueta DIA DE ROSALIA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta DIA DE ROSALIA. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de febreiro de 2026

POESÍA EXPRESS: CALDO DE GLORIA

Hoxe celebramos o día de Rosalía coa poesía "Caldo de Gloria", para honrar a poetisa e novelista Rosalía de Castro.

A Fundación Rosalía de Castro puxo en marcha a iniciativa "Caldo de Gloria", inspirada no poema "Miña casiña, meu lar", na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a supervivencia a que se tiña que afrontar acotío.



Así na BiblioBn fixemos tamén un caldo de gloria, cos ingredientes do poema. Logo, nas aulas, rematouse a xornada cun traballo de escritura de palabras significativas.



luns, 23 de febreiro de 2026

DÍA DE ROSALÍA 2026

 Este luns de biblio en familia conmemoramos o 189 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Fixémolo falando da súa biografía e escribindo palabras que nos evocan as nosas casas. Ademais, lemos e comentamos o poema "Miña casiña, meu lar".


Por último, construimos casiñas con palitroques cubertos con teas e creamos uns marcapáxinas ben orixinais.



luns, 24 de febreiro de 2025

DÍA DE ROSALÍA 2025

Festexamos o Día de Rosalía (23 de febreiro) coa lectura dun poema extraído do libro "Paseniño, paseniño" de Antonio García Teijeiro no que homenaxea a Rosalía de Castro.

Letras e rosas realizadas coa impresora de corte e extraídas do cartel da Fundación Rosalía de Castro.

Empregamos as rosas para estampalas e engadilas ao mural colectivo.

Todo o proceso foi recollido nun Stopmotion que será visionado este Venres de EnCurta.

Como colofón deste día, levamos de agasallo os medallóns elaborados no Obradoiro de Flores Silvestres.



martes, 20 de febreiro de 2024

Poesía express: "Cantares gallegos"

No martes de poesía express aproveitamos a proximidades do Día de Rosalía para recitar uns versos do poema "Cantares gallegos" acompañados dun vídeo con imaxes evocadoras e sons da natureza.
Para finalizar, escoitamos "Has de cantar" do libro-disco "Rosalía pequeniña" de Uxía. 




 

mércores, 23 de febreiro de 2022

#SementadePensamentos. Día de Rosalía 2022

En Barrionovo levamos todo o mes falando de Rosalía de Castro e facendo diferentes actividades para conmemorar o aniversario do seu nacemento.

Agora tócanos ensinarvos o noso produto final froito de moitos días de traballo. Seguindo a proposta feita pola AELG titulada #SementadePensamentos elaboramos os nosos propios vídeos empregando a técnica do stop motion nos que os cativ@s sementaron os seus pensamentos e deles naceron as flores favoritas de Rosalía, os pensamentos.

Aquí vos deixamos as producións de cada aula. Agardamos que vos gusten!

Feliz Día de Rosalía! 

Aula de 3 anos

Aula de 4 anos

Aula de 5 anos

martes, 15 de febreiro de 2022

COMEZAMOS COAS ACTIVIDADES DO MES DE ROSALÍA

Martes de Poesía Express cuns versos extraídos de "Cantares gallegos" os cales están moi relacionados co noso proxecto anual.

Este poema serviranos para iniciar a actividade que levaremos a cabo durante estes días para conmemorar o Día de Rosalía.

Estade ben atent@s porque nos uniremos como en cursos anteriores á proposta feita pola AELG que neste ano 2022 é #SementadePensamentos.

xoves, 25 de febreiro de 2021

ROCKSALÍA

E aquí tedes a nosa aportación á proposta feita este año pola AELG para conmemorar o Día de Rosalía de Castro.

Un rock creado polas Punk and Blues teachers no que se inclúen uns versos de Follas Novas  marabillosamente recitados polos nosos nenos e nenas.

A rockear!!

DÍA DE ROSALÍA 2021

Hoxe celebramos o Día de Rosalía. Como sabedes, durante este día tan especial levamos a cabo a gravación do videoclip do novo éxito das Punk and Blues teachers, ROCKSALÍA. Para isto empregamos a técnica do croma.



E como na nosa escola rebosamos arte en todas as súas expresións, rematamos o día acuarelando o retrato desta icónica poetisa galega.






martes, 23 de febreiro de 2021

CONCURSO DÍA DE ROSALÍA. ASOCIACIÓN "O GRILO"

A Asociación "O Grilo" de Pastoriza organiza un concurso co gallo do Día de Rosalía. 

Se vos animades a participar, clicade na seguinte imaxe para coñecer as bases.




xoves, 27 de febreiro de 2020

DÍA DE ROSALÍA 2020

Neste día fixemos un pequeno percorrido pola biografía e obra de Rosalía de Castro para despois escoller versos dos seus poemas que invadirán todo o noso cole.
Primeiro visionamos este marabilloso vídeo realizado pola rapazada da BiblioAnxo, biblioteca do CEIP "Anxo da Garda" da Coruña, para conmemorar o Día de Rosalía, e no que se ilustra perfectamente o emigrante da Galicia daquela época.
Grazas por compartir este traballo!


Despois de ver o vídeo falamos do que viron, que estarían a facer... e lemos outra poesía de Rosalía que fala da emigración, da morriña e da nostalxia.
De seguido vimos o conto en imaxes "Morriña" de Paula Ventimiglia, que ben podería ilustrar a historia de Rosalía de Castro.
E coma Rosalía foi a poeta dos emigrantes escoitamos "Adios Ríos, adios fontes" musicado por Evoéh
 Por último decidimos escoller algúns destes versos, e por equipos interniveis, escribilos para encher as nosas escaleiras.

Agora os versos de Rosalía acompañarannos acotío!!


sábado, 23 de febreiro de 2019

#LIBREOMEUPENSAMENTO: ÚLTIMOS DETALLES

Xa case rematamos os preparativos para a celebración do Día de Rosalía. O luns, a primeira hora, terá lugar na biblioBN a presentación do traballo realizado polo alumnado en relación coa proposta da AELG deste ano #LibreOMeuPensamento.



venres, 22 de febreiro de 2019

#LIBREOMEUPENSAMENTO: "ADIÓS RÍOS, ADIÓS FONTES"

A poesía express deste martes, como non podía ser doutro xeito, estivo adicada a Rosalía de Castro. Empregamos un dos seus poemas máis célebres para realizar un camiño sensorial moi interesante.


Ao rematar este camiño e ir recompilando os versos para compoñer o poema, decidimos plantalo no noso horto.


A próxima semana descubriremos o resultado.